Friday 03 de May de 2024

Un ano máis Ordes recendeu a champiñón


Un ano máis Ordes recendeu a champiñóns. Con allo, en empanada, con crema de nata, champiñóns ao cebiche, mariñados, mesturados con queixo… de calquera xeito imaxinable. As cociñas dos bares e restaurantes de Ordes neste domingo estiveron a rebosar de caixas dese delicioso cogumelo que non parou de ferver en cazolas e sarténs.

Está claro que a fórmula funciona. O Concello reparte champiñóns polos establecementos da vila ao mellor prezo para que cada un o prapare do mellor xeito co fin de repartilo de balde entre a súa clientela. En total foron máis de 3.500 quilos deste produto os que se mercaron nesta ocasión. Todo para continuar cunha rivalidade saudable e sen trampas establecida entre os profesionais dos fogóns, da barra e do mantel que cada ano atrae a máis xente para degustar esta delicioso cogumelo combinándoo con grolos de viño e cervexa. No fondo este é ‘leitmotiv’ desta festa á que ninguén é capaz de facerlle sombra ao seu arredor.

A XXIX Degustación do Champiñon foi o punto e final para unha nova edición de ExpoOrdes. Ben é certo que o tempo non acompañou pero tampouco fixo falta para que os establecementos hostaleiros estiveran a rebosar. Nalgúns case non babía nin unha soa alma máis!!

Animando a estampa aí estiveron a Charanga Os campantes da Baña. Un novo xeito de crear ambiente e festa con traxes e sons tradicionais e de época que non deixaron a ninguén indiferentes. Gustaron moito non…. Moitísimo. Á par as gaitas, tambores, pandeiretas e bombos da xente dos benqueridos Sementes do Arte, propios do lugar, facían festa por canta rúa do pobo hai.

Previamente os aplausos xa se deixaran escoitar durante o concerto que a Banda de Música de Ordes ofrecera baixo a carpa de máis de 3.000 metros cadrados que ocupou a totalidade do Campo da Feira. Milleiros e milleiros de persoas pasearon neste domingo polo seu interior coñecendo de primeira man todas as novidades dos preto de cen establecementos que apostaron por participar na que está considerada como unha das referencias autonómicas máis importantes dentro do circuíto das feiras multisectoriais. A mesma estampa se puido contemplar ao longo de toda a mañá tanto na mostra de vehículos de ocasión como de maquinaria agropecuaria. Nada máis e nada menos que 10.000 metros cadradas se habilitaron para tal fin.

O éxito desta nova edición de ExpoOrdes non fai máis que insuflar folgos de cara a vindeira edición. Non só entre os responsables gubernamentais senón tamén entre os empresarios e autónomos que novamente apostaron por esta grande escaparate, así como polo numeroso público que volveu a facer desta cita un novo éxito.